Campanas de Bastabales (gallego)
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.
Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.
Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades
e das entrañas me doio.
Dóiome de dór ferida,
que antes tiña vida enteira
e hoxe teño media vida.
Só media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.
Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.
Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.