Dí canto che veña en gana,
máis disculpa que che diga:
que che falta na cabeza
o que che sobra na barriga!
Contido en contradicción
pode estar un grande amigo:
dúbida máis dos que están
sempre dacordo contigo!
Quén canta por conta súa
quere ser, e con razón,
antes gorrión na rúa
ca reiseñor na prisión!
Hai tanto burro a mandare
en homes de intelixencia
que, ás veces, dou en pensare
que a burramia é unha cencia!
Que importa perde-la vida,
loitando contra a traición,
se a razón, mesmo perdida,
non deixa de ser razón!